Asociación

A Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO estrutúrase como unha asociación sen ánimo de lucro aberta a persoas e colectivos do eido social e cultural galego e unha comunidade virtual organizada arredor do portal principal da rede aloxado en ww.arredemo.info. Consultando o índice temático, podedes coñecer máis sobre o seu funcionamento e estrutura.

- Finalidade

O portal de comunicación da Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO ten por obxectivo a información independente e a difusión das actividades sociais, artísticas e culturais dos seus socios/as e colaboradores/as, con varios servizos editoriais online baixo licenzas libres e outros recursos nos eidos literario, plástico, escénico e audiovisual, así como unha axenda socio-cultural propia.

O portal acóllese no seu funcionamento aos estatutos da asociación que lle dá base, quen ten por fins principais os seguintes...

  1. A difusión dun modelo de cultura libre, participativo e democrático na sociedade galega.
  2. Desenvolvemento de iniciativas, accións e proxectos de carácter socio-cultural.
  3. Estimulación da cooperación e a comunicación dentro do tecido asociativo galego e das relacións culturais con Portugal e a área da lusofonía.
  4. A creación dunha rede aberta de acción e comunicación socio-cultural en Galiza.
  5. A produción, difusión e distribución de bens, servizos e produtos culturais propios.
  6. A comunicación de causas sociais nacidas no seo da sociedade civil galega.
  7. A defensa e fomento da lingua galega en calquera das súas normativas e en todos os eidos.
  8. A difusión da libre distribución e as novas tecnoloxías da comunicación na sociedade galega e a oferta de servizos de carácter social e cultural.
  9. A promoción da creación artística galega independente e a procura de novos espazos de cooperación artística e cultural.
  10. A xestión e conservación do fondo de arquivos e materiais da Plataforma Burla Negra.
- Breve historia

O proxecto da Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO naceu como unha iniciativa dentro do colectivo Burla Negra no ano 2003, na secuencia do Foro Negro, foro organizado por este colectivo que congregou a máis de trescentas persoas do eido socio-cultural galego e no que se levou a cabo unha reflexión conxunta sobre a situación da cultura no país. Como parte das conclusións extraídas nese proceso, impulsouse desde Burla Negra a creación dunha rede de comunicación que dese cobertura a través da arañeira a creadores, activistas, colectivos e empresas do eido socio-cultural de cara a dinamizar o seu tecido.

O 13 de Novembro de 2004 o portal da rede viu a luz converténdose axiña nunha referencia no ámbito socio-cultural, co desenvolvemento de varios proxectos e campañas e o mantemento dunha liña de información crítica, aberta e independente onde se recollían novas e actividades dun bo feixe de colectivos, asociacións e empresas de carácter social, cultural e artístico. O proxecto foi financiado polo colectivo Burla Negra e o traballo voluntario dun equipo editorial de catro persoas.

Nesta primeira etapa do portal, que durou nove meses, producíronse máis de novecentas novas de carácter social ou cultural, desenvolvéronse varias campañas nos eidos educativo, ecolóxico, artístico ou lingüístico, desenvolveuse un radioblog adicado á nova música galega, unha pequena editora de textos literarios baixo licenza de libre distribución, a difusión de diversos materiais audiovisuais, o primeiro Encontro Físico Arredemo, e levouse a cabo a produción e distribución do filme Hai que Botalos e a campaña do mesmo nome impulsada por Burla Negra e outros colectivos sociais que acadaron un éxito de público sen precedentes en Galiza, tanto na súa difusión web como no impacto social (máis de duascentas mil descargas e unha estimación de público de preto de catrocentas cincuenta mil persoas en a penas un mes).

Tras esta etapa o portal entrou nunha fase de reforma no verán do 2005 para iniciar unha segunda etapa a partir de Outubro, na que se afianzaron os contidos, reestruturáronse as seccións e implementouse o soporte técnico, mudando do xestor de contidos PHP Nuke para o Drupal, con máis versatilidade de cara ao usuario. Continuouse coa libre distribución de material cultural (novelas, poemarios, música, curtametraxes, videocreación, arte plástica, comic, etc...) Paralelamente desenvolvéronse páxinas webs asociadas ao portal principal adicadas a distintas causas sociais en colaboración con outros colectivos, como por exemplo SOS Touriñán, campaña en coordinación coa Federación Ecoloxista Galega, Burla Negra e ADEGA, ou ArdeGaliza en coordinación con máis de dez colectivos civís. Participouse tamén en diversos eventos, exposicións e proxectos como “Desacuerdos. Sobre Arte, Políticas y Esfera Pública en el Estado Español”, organizado pola Universidade Internacional de Andalucía, o Museu D´Art Contemporani de Barcelona e Arteleku de Donosti, ou a Semana da Galiza em Braga organizada por Attac-Braga nesta vila portuguesa.

Realizouse tamén o proxecto Arredemo Lab, integrado dentro do programa A Cultura Circula impulsado desde a administración pública e no que se desenvolveu un curso itinerante de introdución ao software libre e a xestión de contidos a través do web e se xestionou o web de todo o programa con cobertura informativa propia, a cargo do equipo editorial de Arredemo.

Durante esta fase a rede transformouse en asociación socio-cultural co nome de “Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo”, encarou a profesionalización mínima do equipo editorial, e no Outono de 2006 o portal volveu entrar nun proceso de reestruturación que puidese superar as carencias e fraxilidades das que aínda adoecía cara a acceder a un meirande grao de estabilidade e permanencia.

- Estatutos

A asociación foi constituída o 16 de marzo do 2006 e rexistrada o 30 de Maio do mesmo ano no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galiza. Os actuais estatutos teñen carácter provisional por acordo entre as socias e os socios fundadores. Unha vez se conte con socias e socios abondo para garantir un proceso participativo, será convocada unha asemblea extraordinaria que defina e aprobe os estatutos definitivos.

- Xunta Directiva

A elección da xunta directiva de Arredemo ten periodicidade anual. A Xunta ocúpase da xestión asociativa e tamén funciona como consello de redacción do portal da rede. A actual xunta directiva, aprobada en asemblea o 16 de Marzo de 2006, ficou constituída deste xeito.

- Socias e Socios

Segundo recollen os estatutos, poderanse asociar á Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO tanto as persoas individuais como calquera colectivo socio-cultural (grupos artísticos, asociacións, empresas, etc...) que así o decida nos seus respectivos órganos directivos e que concorde coas finalidades da asociación. As socias e os socios poderán optar entre os distintos servizos e tarifas ao seu dispor e participar nas distintas asembleas da asociación con voto directo.

- Financiamento

O financiamento da ASC “Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO”, que inclúe como gastos básicos o local social, a telefonía, a conexión a internet e o servidor dedicado, contempla as seguintes vías.

- Proxectos

Tanto a Xunta Directiva como as asociadas e asociados, previa proposición á Xunta Directiva, poderán desenvolver proxectos conforme ás finalidades da asociación. Os proxectos en activo ou en proceso de definición serán publicitados a través do web da asociación e do portal principal da Rede. De cara á contratación de persoal e servizos para o seu desenvolvemento darase prioridade á base social da rede mediante mailing e de xeito interno a través do web da asociación.

A Asociación, mediante a súa Xunta Directiva, poderá participar de xeito cooperativo en proxectos con outras entidades sociais e culturais non asociadas a ela.

Achega o teu gran de area á conservación do Courel

Pese as denuncias públicas do colectivo SOS Courel (a presentación á administración de máis de 20.000 sinaturas contra o aproveitamento mineiro da Serra do Courel e a favor da súa conservación e da posta en marcha de iniciativas de emprego e conservación ambiental, e a movilización cidadá) o Courel continúa a estar ameazado pola presión dunha industria que nada ten que ver co desenvolvemento sustentable e coa conservación dun dos territorios de maior interese ambiental e etnográfico do noso país.

Unha vez que o goberno bipartito semella volver a dar as costas á cidadanía, nun continuismo incomprensible de submisión aos intereses económicos duns poucos e que recorda a tempos pasados, desde SOS Courel vémonos na obriga de emprender accións xudiciais para defender a legalidade.

Como o custo de todos estes procedementos, desgraciadamente é sempre proporcional a “magnitude da desfeita”, non temos máis remedio que pedir e aceptar doazóns. Por iso para todas e todos aqueles que estean interesados na defensa ambiental e cultural do Courel poñemos a súa disposición o noso nº de conta en La caixa:

2100 | 2183 | 56 | 0200181109

De seguido ofrecémosche a posibilidade de descargar a carta íntegra enviada por SOS Courel para que todas e todos poidamos colaborar economicamente ou, cando menos, difundido entre os nosos contactos a súa petición.

Contra Reganosa o día 30 en Ferrol

Dende o pasado 23 de xullo un grupo de veciñas e veciños de Mugardos permanece pechado na Casa do Concello para mostrar deste xeito a súa repulsa á localización ilegal da planta regasificadora de Reganosa e chamar á atención sobre os perigos que ésta representa para as súas vidas, as súas vivendas, os postos de traballo que xera o marisqueo na ría, etc.

O vindeiro domingo 30 de setembro todas e todos temos a oportunidade para unirnos á reivindicación asistindo á manifestación cidadá que partirá do edificio da Autoridade Portuaria ás 12:00 horas e que percorrerá a cidade até a Praza do Concello.

Baixo o lema 'Planta de gas fóra da Ría' perséguese, unha vez máis, a actuación por parte das diferentes Administracións para impedir que planta regasificadora entre en funcionamento. Así, a mobilización diríxese:

- Ao Goberno Central para que, en base a os condicionantes non resoltos, impida a aprobación da acta de funcionamento definitivo de Reganosa.

- Á Xunta, para que renuncie a esta herdanza do anterior Goberno galego e reoriente a súa política enerxética para que ésta deixe de ser unha ameaza para a Ría de Ferrol.

- Ao Concello de Ferrol para que se dirixa ao Tribunal Supremo coa fin de que faga firme a senteza 536/2004 favorable á cidadanía de Ferrol e que anula a tramitación ambiental de Reganosa.

- Ao Concello de Mugardos, para que revise licenzas, permisos e acordos con Reganosa.