Asociación

A Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO estrutúrase como unha asociación sen ánimo de lucro aberta a persoas e colectivos do eido social e cultural galego e unha comunidade virtual organizada arredor do portal principal da rede aloxado en ww.arredemo.info. Consultando o índice temático, podedes coñecer máis sobre o seu funcionamento e estrutura.

- Finalidade

O portal de comunicación da Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO ten por obxectivo a información independente e a difusión das actividades sociais, artísticas e culturais dos seus socios/as e colaboradores/as, con varios servizos editoriais online baixo licenzas libres e outros recursos nos eidos literario, plástico, escénico e audiovisual, así como unha axenda socio-cultural propia.

O portal acóllese no seu funcionamento aos estatutos da asociación que lle dá base, quen ten por fins principais os seguintes...

  1. A difusión dun modelo de cultura libre, participativo e democrático na sociedade galega.
  2. Desenvolvemento de iniciativas, accións e proxectos de carácter socio-cultural.
  3. Estimulación da cooperación e a comunicación dentro do tecido asociativo galego e das relacións culturais con Portugal e a área da lusofonía.
  4. A creación dunha rede aberta de acción e comunicación socio-cultural en Galiza.
  5. A produción, difusión e distribución de bens, servizos e produtos culturais propios.
  6. A comunicación de causas sociais nacidas no seo da sociedade civil galega.
  7. A defensa e fomento da lingua galega en calquera das súas normativas e en todos os eidos.
  8. A difusión da libre distribución e as novas tecnoloxías da comunicación na sociedade galega e a oferta de servizos de carácter social e cultural.
  9. A promoción da creación artística galega independente e a procura de novos espazos de cooperación artística e cultural.
  10. A xestión e conservación do fondo de arquivos e materiais da Plataforma Burla Negra.
- Breve historia

O proxecto da Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO naceu como unha iniciativa dentro do colectivo Burla Negra no ano 2003, na secuencia do Foro Negro, foro organizado por este colectivo que congregou a máis de trescentas persoas do eido socio-cultural galego e no que se levou a cabo unha reflexión conxunta sobre a situación da cultura no país. Como parte das conclusións extraídas nese proceso, impulsouse desde Burla Negra a creación dunha rede de comunicación que dese cobertura a través da arañeira a creadores, activistas, colectivos e empresas do eido socio-cultural de cara a dinamizar o seu tecido.

O 13 de Novembro de 2004 o portal da rede viu a luz converténdose axiña nunha referencia no ámbito socio-cultural, co desenvolvemento de varios proxectos e campañas e o mantemento dunha liña de información crítica, aberta e independente onde se recollían novas e actividades dun bo feixe de colectivos, asociacións e empresas de carácter social, cultural e artístico. O proxecto foi financiado polo colectivo Burla Negra e o traballo voluntario dun equipo editorial de catro persoas.

Nesta primeira etapa do portal, que durou nove meses, producíronse máis de novecentas novas de carácter social ou cultural, desenvolvéronse varias campañas nos eidos educativo, ecolóxico, artístico ou lingüístico, desenvolveuse un radioblog adicado á nova música galega, unha pequena editora de textos literarios baixo licenza de libre distribución, a difusión de diversos materiais audiovisuais, o primeiro Encontro Físico Arredemo, e levouse a cabo a produción e distribución do filme Hai que Botalos e a campaña do mesmo nome impulsada por Burla Negra e outros colectivos sociais que acadaron un éxito de público sen precedentes en Galiza, tanto na súa difusión web como no impacto social (máis de duascentas mil descargas e unha estimación de público de preto de catrocentas cincuenta mil persoas en a penas un mes).

Tras esta etapa o portal entrou nunha fase de reforma no verán do 2005 para iniciar unha segunda etapa a partir de Outubro, na que se afianzaron os contidos, reestruturáronse as seccións e implementouse o soporte técnico, mudando do xestor de contidos PHP Nuke para o Drupal, con máis versatilidade de cara ao usuario. Continuouse coa libre distribución de material cultural (novelas, poemarios, música, curtametraxes, videocreación, arte plástica, comic, etc...) Paralelamente desenvolvéronse páxinas webs asociadas ao portal principal adicadas a distintas causas sociais en colaboración con outros colectivos, como por exemplo SOS Touriñán, campaña en coordinación coa Federación Ecoloxista Galega, Burla Negra e ADEGA, ou ArdeGaliza en coordinación con máis de dez colectivos civís. Participouse tamén en diversos eventos, exposicións e proxectos como “Desacuerdos. Sobre Arte, Políticas y Esfera Pública en el Estado Español”, organizado pola Universidade Internacional de Andalucía, o Museu D´Art Contemporani de Barcelona e Arteleku de Donosti, ou a Semana da Galiza em Braga organizada por Attac-Braga nesta vila portuguesa.

Realizouse tamén o proxecto Arredemo Lab, integrado dentro do programa A Cultura Circula impulsado desde a administración pública e no que se desenvolveu un curso itinerante de introdución ao software libre e a xestión de contidos a través do web e se xestionou o web de todo o programa con cobertura informativa propia, a cargo do equipo editorial de Arredemo.

Durante esta fase a rede transformouse en asociación socio-cultural co nome de “Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo”, encarou a profesionalización mínima do equipo editorial, e no Outono de 2006 o portal volveu entrar nun proceso de reestruturación que puidese superar as carencias e fraxilidades das que aínda adoecía cara a acceder a un meirande grao de estabilidade e permanencia.

- Estatutos

A asociación foi constituída o 16 de marzo do 2006 e rexistrada o 30 de Maio do mesmo ano no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galiza. Os actuais estatutos teñen carácter provisional por acordo entre as socias e os socios fundadores. Unha vez se conte con socias e socios abondo para garantir un proceso participativo, será convocada unha asemblea extraordinaria que defina e aprobe os estatutos definitivos.

- Xunta Directiva

A elección da xunta directiva de Arredemo ten periodicidade anual. A Xunta ocúpase da xestión asociativa e tamén funciona como consello de redacción do portal da rede. A actual xunta directiva, aprobada en asemblea o 16 de Marzo de 2006, ficou constituída deste xeito.

  • Presidente: Carlos Santiago
  • Secretario: Ajustin Lamela
  • Tesoureira: Lola Liñares
  • Vocais: Ramón Torres e Sechu Sende
- Socias e Socios

Segundo recollen os estatutos, poderanse asociar á Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO tanto as persoas individuais como calquera colectivo socio-cultural (grupos artísticos, asociacións, empresas, etc...) que así o decida nos seus respectivos órganos directivos e que concorde coas finalidades da asociación. As socias e os socios poderán optar entre os distintos servizos e tarifas ao seu dispor e participar nas distintas asembleas da asociación con voto directo.

- Financiamento

O financiamento da ASC “Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO”, que inclúe como gastos básicos o local social, a telefonía, a conexión a internet e o servidor dedicado, contempla as seguintes vías.


  • Cotas Anuais.

    Agás para as socias e socios honorarias, establécense distintas cotas anuais en función do tipo de tarifas posíbeis.

  • Proxectos.

    Os proxectos desenvolvidos desde a ASC “Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO” con orzamento propio -financiado de xeito público ou privado- deberán contemplar unha partida en concepto de xestión para contribuír ao financiamento global. Os proxectos poderán ser impulsados desde a Xunta Directiva ou ben polos propios socios en conformidade con ela.

  • Subvencións e axudas.

    A asociación poderá concorrer a través da súa Xunta Directiva aos subsidios e axudas convocadas de xeito público ou privado para este tipo de entidades de cara a desenvolver proxectos e financiar os gastos xerais da asociación.

  • Publicidade.

    A través do portal principal da rede e das páxinas irmás asociadas a el, serán xestionadas as seccións de publicidade conforme aos fins da asociación. Contemplarase a penas publicidade de ámbito galego con prioridade sobre entidades de tipo artístico, social e cultural, estando reservado un espazo propio para entidades asociadas á rede.

  • Doazóns.

    As doazóns e achegas económicas de carácter voluntario serán tamén admitidas.

  • Venda de Material.

    A venda de produtos de carácter socio-cultural e merchandising a través da net, no local social, ou en postos de distribución habilitados para o caso.

- Proxectos

Tanto a Xunta Directiva como as asociadas e asociados, previa proposición á Xunta Directiva, poderán desenvolver proxectos conforme ás finalidades da asociación. Os proxectos en activo ou en proceso de definición serán publicitados a través do web da asociación e do portal principal da Rede. De cara á contratación de persoal e servizos para o seu desenvolvemento darase prioridade á base social da rede mediante mailing e de xeito interno a través do web da asociación.

A Asociación, mediante a súa Xunta Directiva, poderá participar de xeito cooperativo en proxectos con outras entidades sociais e culturais non asociadas a ela.

Responder

Resolve a operación e escrebe o resultado. Por exemplo si é 1+1, escrebe 2.
Disculpa a molestia pero esto axudarános a manter o sitio limpo de SPAM
O contido deste campo é privado e só se amosará publicamente entre a comunidade.
  • Etiquetas HTML permitidas: <a> <em> <strong> <cite> <code> <ul> <ol> <li> <dl> <dt> <dd>
  • Os saltos de liña e párrafo créanse automaticamente.

Máis información acerca das opcións de formato