O vindeiro sábado 19 de xaneiro a Rede de Acción Sociocultural Arredemo presenta o seu novo portal de comunicación no Instituto Galego de Información (IGI) a días escasos do afastamento definitivo de Isaac Díaz Pardo da dirección do Grupo Sargadelos e da máis que posible liquidación do proxecto cultural a el asociado. No contexto desta agresión e aloxado no portal, reábrese o Foro Negro (ver anterior edición) como punto de encontro, reflexión, debate e denuncia das outras tantas agresións que estamos a padecer no social, no ambiental, no político e no cultural. Participa na construción da Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo contribuíndo a tecer a rede de todas e todas. Confirma a túa asistencia individual ou do teu colectivo aquí: foronegro@arredemo.info. Consulta de seguida o calendario e o texto programático
Instituto Galego da Información.
San Marcos. Estrada de Labacolla. Santiago de Compostela
Día 19 Xaneiro.
Mañá: 12h. Presentación do "Xornal Galicia, acción en rede contra o silencio" e do portal de comunicación Arredemo.
Tarde: 16:30h. Apertura do Foro Negro17:00h. Debate: “A necesidade de gobernar o descontento”
19:30h. Organización da rede de distribución do Xornal Galicia
Día 23 Xaneiro.
Mañá: Presentación aos medios do Xornal Galicia
Tarde: Recepción solidaria de Isaac Díaz Pardo antes da xunta de accionistas do IGI.
Como chegar ao IGI
O Xornal Galicia, acción en rede contra o silencio.
O Instituto Galego da Información naceu no ano 1977 co propósito de dar fundamento e sostén, dentro do novo espazo democrático aberto tras o franquismo, ao xornal Galicia, un proxecto editorial ao servizo do país, feito en galego e comprometido de seu coa nosa sociedade. Unha utopía que por diversas circunstancias nunca chegou a bo porto. Diante da liquidación case segura do IGI na xunta de accionistas do 23 de Xaneiro do 2008 que afastará definitivamente a Isaac Díaz Pardo da dirección do grupo Sargadelos, desde a Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo e o colectivo Burla Negra, en colaboración con Novas da Galiza e outros colectivos sociais e culturais do país e moitas persoas absolutamente inconformes con este sacrificio ruín, decidimos dar testemuño deste acto de violencia contra a nosa cultura realizando por primeira e última vez aquela utopía tan vella como aínda necesaria, editando polos nosos propios medios o número cero do xornal Galicia. Un exemplar que alén do seu valor testemuñal, quere tamén deixar constancia de que hai unha cultura viva, libre e irredutible que continúa a traballar e crear no día a día esa Galiza Imaxinaria que soñaron os devanceiros e que homes e mulleres como Isaac Díaz Pardo salvagardaron da barbarie fascista para nós e para os que veñan e as que veñan despois de nós.
Trátase dunha iniciativa que por unha banda pretende expresar de xeito activo a solidariedade de amplos sectores sociais e culturais do país coa figura de Isaac Díaz Pardo. Os pormenores de todo este proceso inzado de infamia e indignidade, son de sobras coñecidos, sendo un dos principais propósitos da edición do xornal non tanto relatar as maquinacións da actual directiva do grupo Sargadelos para afastar da dirección do grupo ao seu fundador como deixar memoria do momento histórico no que se liquida un proxecto cultural de máxima transcendencia na historia contemporánea de Galiza.
Por esta razón, a edición do xornal quere atender por outra banda, e de xeito moi especial, ao momento social e cultural que atravesa o país desde diferentes contextos e puntos de vista. O territorio, a lingua, a cultura, a economía, a política, a ecoloxía, a comunicación, a educación... son a penas algúns dos temas a abordar coa intención de propor unha reflexión colectiva en formato xornalístico que contextualice a liquidación do proxecto Sargadelos cos ollos postos no presente e no futuro da nosa sociedade.
A idea do xornal Galicia xurde tamén asociada á presentación do novo portal de comunicación da Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo, prevista hai tempo para este mes de Xaneiro. Dadas as circunstancias, pareceunos boa idea solicitar de Isaac Díaz Pardo e dos traballadores do IGI, o propio espazo do Instituto para realizar esta presentación, se cadra un dos últimos acontecementos culturais que terán lugar no seu interior e solidarizarnos deste xeito coa súa loita nun momento decisivo.
O IGI ten un significado especial na xestación do propio proxecto Arredemo, pois foi neste espazo onde o colectivo Burla Negra, na secuencia da catástrofe do Prestige, convocou o Foro Negro en Decembro de 2003 do que saíron as bases para a organización dunha rede de acción socio-cultural que abrise un novo espazo de comunicación ao servizo dos movementos sociais galegos.
En recoñecemento da cerna espiritual do proxecto histórico impulsado polo Laboratorio de Formas, comprometido tanto coa recuperación da memoria histórica como coa proxección da nosa cultura no mundo, e debedores como galegos e galegas do esforzo e a intelixencia depositada polos seus fundadores na transmisión da nosa identidade cultural, queremos recuperar o Foro Negro, nesta nova andaina da Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo, como un foro de reflexión social e cultural aloxado na rede, que será presentado o día 19 no IGI conxuntamente co portal de comunicación e o xornal Galicia. E neste sentido gustaríanos convidarvos a todos e todas a asistir, tanto ao Foro, onde será presentado o xornal e o portal, como ao acto de solidariedade con Isaac Díaz Pardo e os traballadores do IGI o día 23 de Xaneiro no mesmo instituto.

Defensa de Isaac Díaz Pardo
A Asociación de Amigos de Sargadelos quérese unir ás mostras de apoio a Isaac Díaz Pardo e ás peticións de defensa do patrimonio cultural de Sargadelos e O Castro.
Como xa manifestamos no anterior comunicado do 2 de xuño de 2006, recordamos aos socios e accionistas "a imposibilidade de mater o merecido prestixio actual, se renegan de quen fixo a esta empresa, co seu traballo e traxectoria vital, merecedora de tal consideración"
Lugo, 22 de xaneiro de 2007
Asociación de Amigos de Sargadelos
MANIFESTO O CASTRO-SARGADELOS: PATRIMONIO DA GALIZA
O PATRONATO DA CULTURA GALEGA DE MONTEVIDEO APOIA O MANIFESTO O CASTRO-SARGADELOS PATRIMONIO DA GALIZA
callobre — 20-01-2008 GTM 2 @ 16:55
A AUDICION MONTEVIDEANA SEMPRE EN GALICIA SEGUE NA DEFENSA DA DIGNIDADE CON DIAZ PARDO
Outra mañan de domingo, e co compromiso contraido na anterior seman, a Audición montevideana Sempre en Galicia, sigue a dar pública información dos aconteceres patrios na Galiza, e mantivo o apartado adicado a divulgación biográfica e a solidariedade entorno a figura de Isaac Diaz Pardo. Se a semana pasada foi o ferrolan Gómez Miño, o que reivindicou dos poderes públicos galegos xustiza e dignidade con Diaz Pardo, este domingo Ana Lorenzo e Manolo Mugico, baixo a dirección de Tony de Searez, continuaron co adquirido compromiso a prol de D. Isaac.
Na extraordinaria voz da Presidenta do Patronato da Cultura Galega, Doctora Ana Lorenzo , relatouse a biografia do galeguista , asi como as novas destes dias entorno a figura de D.Isaac. Non faltou o acontecido este sábado por parte da Rede de Acción SocioCultural Arredemo, e o Colectivo Burla Negra , acto realizado no IGI, e a presentación do único número do Xornal Galicia.
Completouse este espacio ca lectura do Manifesto O Castro-Sargadelos:Patrimonio da Galiza, feita por Manolo Mugico, e cabe salientar a adhesión a este manifesto do Patronato da Cultura Galega, asi como de centos dos galegos/as montevideanos.
Para un ointe desta Audición dende Galiza, sorprende a boa presentación temática, as voces, e reseñables son as cortinas musicaes , moi acaidas para os inicios de cada sección; Precisamente no dia de hoxe mesmo resultou emotivo os temas escollidos de Luar na Lubre, Carlos Nuñez, Uxia e Pilocha... E impresionante resultou a colaboración da xornalista Mónica Rebolo dende Santiago, presentando un traballo de mixtura musical e integración cultural galego-guaraní que dará que falar.
Despediuse hoxe esta Audición, prometendo seguir na campaña de apoio a Diaz Pardo, e cos desexos de que o vindeiro dia 23, non se consume o afastamento definitivo de Isaac da Dirección do Patrimonio Cultural que él mesmo fundou.
Ca característica voz de Manuel Meilan : ...” Sempre en Galicia, fina aquí a sua audición, deica o domingo que ven, que volverá a traerlles verbas e cantigas , SAÜDE E TERRA !!
Verdadeiramente cabe dar a conocer para os interesados o xeito de escoitar a máis vella das audicions falada integramente en galego:
En Internet neste enderezo e contando ca diferencia horaria actual, que é de tres horas, así cando son as nove da mañan dos domingos, e as doce do mediodia no Pais:
Dende a Radio Oriental 770 AM CX 12: href="http://www.oriental.com.uy/mweb/">http://www.oriental.com.uy/mweb/
Afastamento de Díaz Pardo do IGI
Esta, aínda só posíbel, acción vaia moito máis alá dunha simple decisión de "empresa". O seu significado abrangue un absoluto desprezo ás persoas e á historia cultural do noso país, por parte de quen, supostamente, só está atento ós rendementos anuais; aínda que nin tan sequera iso xustificaría a acción. Non teño dubida ningunha de que sen Isaac, e perdido definitivamente o espíritu de Sargadelos, a empresa irá costa abaixo. Os compradores ou usuarios das instalacións encargaranse diso.
Por outra banda, e de seguir así as cousas, sempre será posíbel que no futuro apareza algunha posibilidade de comezar de novo o que se deixou aquí, por mor da meirande parte do accionariado actual. É evidente que poden darlle tódalas voltas de torca que queiran, pero o que é de Díaz Pardo, o que foi de Seoane, e o que trouxeron un bó numero de persoas ós inicios e ó cerne desta empresa, SEMPRE SERÁ DELES E DE CANTOS DEFENDIMOS O SEU NOME Á FRONTE DO GRUPO SARGADELOS.
Un ano e medio despois de
Un ano e medio despois de que comezara esta telenovela-monólogo, as Galerias Sargadelos seguen coa mesma actividade cultural de sempre e cedendo de balde como sempre o seu espazo para a organización de actos culturais. Por que se segue acusando a Sargadelos de querer liquidar a sua faceta cultural? Di-se que "por diversos motivos" o jornal Galicia non pasou de ser unha utopia. Alguén pode aclarar cais foron eses motivos? Alguén lembra que o IGI ten mais de 300 sóci@s particulares, non famosos, nen inversores, mas xente preocupada pola cultura galega, que cedeu os seus aforros para posibilitar que se cumprise esa utopia? En que gastou Díaz Pardo ese diñeiro? Cais son os proxectos de vital importancia para Galiza que se fan no IGI? Estou dacordo com Fagot, ainda está por coñecer-se a verdade do "caso Sargadelos", mas o que di Díaz Pardo non me cadra. Hai tempo lin unha entrevista con el na que dicia que en Sargadelos nunca se repartiron benefícios e hai pouco noutra entrevista queixa-se de que agora xa nom lle dan a sua parte dos beneficios... tamén di que agora non ten ingresos, e logo non ten pensión? non colaborou coa Seguridade Social estes anos? e que se contradi muito este home. A mim parece-me que está a usar a sua fama para vengar-se. Como di un amigo meu "até Fraga tivo melhor perder". Creo que esta vez Arredemo está do lado contrário...
Quen se agacha tralo anonimato?
Penso que xa está ben de aparecer neste tipo de páxina falando de segundas ou terceiras persoas, pero sen dar a cara; sempre pensei que isto ten moito que ver cos tempos do fascismo.
Gustaríame que a xente asinase co seu nome as súas palabras. O feito de non facelo leva consigo non poucas connotacións negativas.
Tódalas opinións son respectables, pero un anónimo non significa nada, agás o perfil ético que se pode agachar tras del. É a miña opinión, claro.
anónimos? fascismo? :O :S
Como ti ben dis: é a tua opinión. Pola miña parte, eu nom vexo porqué unha opinión vai ter mais ou menos valor dependendo de quen a exprese. O emprego de nicks é unha práctica habitual en internet, parece-me moi esaxerada a tua reacción. Que é o que che molesta? Eu non insultei a ninguén, como ben dis, só expresei a miña opinión e constatei uns feitos comprobabeis. Na voz de galicia de hoxe (25/01/08), escribindo "sargadelos" no buscador saíron-me 4 notícias sobre actividades culturais en diferentes galerias Sargadelos:
"Ferrol: ayer se presentó en la galería Sargadelos Teselas de cidade , de la joven escritora Patricia Casas , ganadora del Premio Biblos-Pazos de Galicia.
Lemos: De otro tiempo muy diferente se habló ayer en la galería Sargadelos: del tiempo histórico reciente y más concretamente de los inicios de la actual autonomía gallega
A Estrada: La pintora y escritora estradense Betty Millarengo presentó ayer en la galería Sargadelos de A Estrada la novela O de Millarengo , que acaba de ser publicada por Edicións do Castro
Arousa: Para interesados, la clase será el sábado 26 en la galería Sargadelos."
E na de Santiago (da que recibo información das suas actividades desde hai anos) ,manteñen o mesmo ritmo de sempre.
A min sen datos ninguén me vai facer crer que Sargadelos vai perder "o seu espíritu", é que eu son muller de pouca fe...
Por certo, mais feo é meter aos mortos nestas polémicas. É a miña opinión, claro.
Eh?
1. Estou seguro de que o meu nome, o o de outras persoas que escriben aquí e noutros lugares che ían dar o mesmo que o "nick". Eu polo menos non son nin ningún directivo de Sargadelos encuberto, nin ningún político, nin ninguén ó que o seu nome otorgue relevancia a un comentario nunha páxina.
2. "Arredemo: Rede de acción social", é un movemento co que moitos nos sentimos identificados e eso non significa que teñamos que estar dacordo. Eso de "ou estás dacordo comigo ou eres dos malos" paréceme bastante máis escuro que o uso dun "nick" como fai a inmensa malloría das persoas en internet. De feito se Arredemo e todo o que faga pretende ter algún tipo de repercusión será polo apoio de centos ou miles de anónimos.
3. En ningún momento se argumentou nada "razoable" que xustificase os actos e as movilizacións das que se están a falar, en todo o que leo no foro só se expresas: "estes son os bos e estes os malos". Neste punto remítome ó comentario anterior: sigo sen entender nada.
Non o entendo
Estase a dicir que é un acto de violencia contra a cultura do país que se relegue a Isaac Diaz-Pardo da dirección da empresa que fundou pero non existe ningún dato público no que se expliquen as razóns que levaron a esta decisión. A min faiseme realmente complicado valorar se se trata ou non dunha agresión contra a nosa cultura cando descoñezo os motivos polos que se toma unha determinada medida que ten que ver coa xunta directiva dunha empresa.
Pareceríame unha agresión o cese das actividades do IGI pero eso non aconteceu, o único que sabemos é que vai haber un cambio na dirección.
Creo que neste punto, no que desde logo é lícito e lóxico a reivindicación da figura de Díaz-Pardo como intelectual, promotor e conservador da cultura galega, se está a pecar de certo maniqueísmo cultural ó acusar á dirección de Sargadelos de pretender "destituir" ó seu creador.
Se existen datos, informacións ou calquer tipo de documento que certifiquen unha causa inxustificada neste cambio de dirección deberían facerse públicos porque, desde logo, xustificaría tódalas movilizacións do mundo, pero ata o momento o único que se plantexou é unha protesta contra unha medida interna do consello de administración dunha empresa privada.
Polos datos que leo non teño nin idea de se tanto a medida da empresa como a protesta son xustificadas ou inxustificadas, polo momento, non o entendo.
hora??
A que hora é o acto??
:D
Día 19 Xaneiro.
Mañá: 12h. Presentación do "Xornal Galicia, acción en rede contra o silencio" e do portal de comunicación Arredemo.
Tarde: 16:30h. Apertura do Foro Negro
17:00h. Debate: “A necesidade de gobernar o descontento”
19:30h. Organización da rede de distribución do Xornal Galicia
Día 23 Xaneiro.
Mañá: Presentación aos medios do Xornal Galicia
Tarde: Recepción solidaria de Isaac Díaz Pardo antes da xunta de accionistas do IGI.