Contra Reganosa o día 30 en Ferrol

Dende o pasado 23 de xullo un grupo de veciñas e veciños de Mugardos permanece pechado na Casa do Concello para mostrar deste xeito a súa repulsa á localización ilegal da planta regasificadora de Reganosa e chamar á atención sobre os perigos que ésta representa para as súas vidas, as súas vivendas, os postos de traballo que xera o marisqueo na ría, etc.

O vindeiro domingo 30 de setembro todas e todos temos a oportunidade para unirnos á reivindicación asistindo á manifestación cidadá que partirá do edificio da Autoridade Portuaria ás 12:00 horas e que percorrerá a cidade até a Praza do Concello.

Baixo o lema 'Planta de gas fóra da Ría' perséguese, unha vez máis, a actuación por parte das diferentes Administracións para impedir que planta regasificadora entre en funcionamento. Así, a mobilización diríxese:

- Ao Goberno Central para que, en base a os condicionantes non resoltos, impida a aprobación da acta de funcionamento definitivo de Reganosa.

- Á Xunta, para que renuncie a esta herdanza do anterior Goberno galego e reoriente a súa política enerxética para que ésta deixe de ser unha ameaza para a Ría de Ferrol.

- Ao Concello de Ferrol para que se dirixa ao Tribunal Supremo coa fin de que faga firme a senteza 536/2004 favorable á cidadanía de Ferrol e que anula a tramitación ambiental de Reganosa.

- Ao Concello de Mugardos, para que revise licenzas, permisos e acordos con Reganosa.